Un ano máis, dentro dos traballos de investigación que vimos realizando en torno a todo o que sucedeu na Parroquia de Darbo ao longo da súa historia, este ano atopamos un feito que se pode considerar como moi importante e singular: o casamento que se celebrou na Igrexa Parroquial de Sta. María de Darbo, o día 30 de outubro de 1929, tal e como recolle a acta do Rexistro Civil de Cangas e que di o seguinte:
“Na parroquia de Darbo ás once horas e quince minutos do día 30 de Outubro de 1929, procedeuse a inscribir por parte do Xuíz Municipal D.José Pereira Lage, o matrimonio canónico celebrado entre D. Jerónimo Toledano Cañamaque, de 27 anos, natural de Córdoba e veciño da cidade de Vigo con Dna. María de la Concepción del Valle-Inclán Blanco, de 22 anos e natural de Madrid, veciña da Vila de Cangas, filla de D. Ramón del Valle-Inclán e Dª Josefina Blanco”.
Oficiou a cerimonia o párroco D. Francisco Lariño Lojo, asistindo como testemuñas: D. Ramón Fernández Mato, D. Luis Gil de Vicario, D. Francisco de la Peña y Artime e D. Antonio Bastos García.
Foi o Faro de Vigo da época quen tamén recolleu a noticia, informando do enlace matrimonial entre a distinguida señorita María de la Concepción del Valle-Inclán co director do Instituto Nacional de Vigo, D. Jerónimo Toledano. Apadriñou o novo matrimonio o notario desta Vila de Cangas, Carlos del Valle-Inclán Peña e a súa dona Catalina Peña Artime.
Todo parece indicar que debido a problemas de diversa índole xurdidos no matrimonio de D. Ramón Valle-Inclán e Josefina Blanco, a súa filla María de la Concepción del Valle-Inclán pasaba longas temporadas no Morrazo co seu tío Carlos Valle-Inclán Peña, notario do ilustre Colexio da Coruña e residente na Vila de Cangas, que exerceu de notario e avogado entre os anos 1916-1930 tal e como recollen diversos documentos de época, como pode ser a acta levantada no acto de poxa da Casa Cuartel da Garda Civil que se ía construír en Cangas no mes de decembro de 1928.
Carlos Valle-Inclán tiña o seu despacho nas proximidades do que na actualidade son as instalacións do Naútico Rodeira, próximo á fábrica de conservas do industrial santanderino afincado en Cangas, Francisco Fernández Cervera. En ditas dependencias tamén compartía espazo co fotógrafo cangués, Ramón Ocaña, lugar onde tiña o seu laboratorio fotográfico.
Carlos Valle-Inclán (1883-1933) tamén foi Mestre no Instituto de Pontevedra e no ano 1904 publica unha colección de contos co nome de “Escenas Gallegas” tales como: Pepe el Ciego, La meiga, El fiadeiro, etc.
María de la Concepción, “Concha” como a chamaban os seus achegados, nace no ano 1908 e era a filla primoxénita, froito do matrimonio celebrado entre o escritor D. Ramón María del Valle Inclán (1866-1936) e a actriz Dna. Josefina Blanco Tejerina (1878-1957) do cal tamén naceron os seguintes fillos: Joaquin, Carlos, Maria de la Encarnación “Mariquiña”, Jaime e Ana María.
D. Ramón María del Valle-Inclán, unha das grandes figuras da literatura española de tódolos tempos, naceu en Vilanova de Arousa no ano 1866 e faleceu en Santiago de Compostela en 1936. Como unha das múltiples anécdotas que sucederon, pouco antes de morrer cando se lle ofreceron os auxilios espirituais, manifestou o seguinte: “ Ni cura discreto, ni fraile humilde, ni jesuíta sabiondo”. Os seus restos mortais están soterrados no cemiterio de Boisaca. Foi novelista, poeta, dramaturgo, ensaísta, periodista, destacou en tódolos xéneros, pero sobre todo, amante dos faladoiros de café e autor de libros como: Luces de Bohemia, Divinas Palabras, Tirano Banderas, Sonatas de Primavera, etc.
Josefina Blanco Tejerina nacera en Madrid e dende moi nova foi trasladada a León. Sempre tivo vocación teatral e, ademais, chegou a interpretar papeis de obras do propio Valle-Inclán, incluso actuando con el nos escenarios. Josefina chegou ser unha das actrices mais importantes das compañías dramáticas españolas da época. Os seus restos mortais, xunto cos do seu fillo Joaquín, están soterrados no cemiterio de Cambados, aquel que Cunqueiro definiu como “o camposanto máis melancólico do mundo”.
Do matrimonio entre Mª Concepción del Valle-Inclán e Jerónimo Toledano, nace na cidade de Vigo no ano 1931 o médico e periodista Jerónimo Toledano Valle-Inclán, considerado como “o neto vigués de Valle-Inclán” que, según membros da súa familia, é de tódolos netos o que máis se parece ao propio Valle-Inclán. Tamén temos coñecemento dunha filla máis do matrimonio, Concepción Toledano Valle-Inclán, que residía en Málaga.
D. Jerónimo Toledano Cañamaque, segundo periódicos da época, falece en Madrid no ano 1955. Foi profesor de Lexicóloxia da Facultade de Periodismo é Catedrático de Literatura do Instituto de Enseñanza Media de Albacete. Era considerado unha prestixiosa personalidade no Corpo de Catedráticos de Enseñanza Media. Ao seu enterro asisten os fillos e a súa viúva.
De Concepción Valle-Inclán Blanco “Concha” (1908) non sabemos nada sobre os derradeiros días da súa vida, pero queremos rematar dicindo que: os veciños/as da “freguesía” de Darbo, queren agradecer o labor que fixo o seu tío e notario, Carlos Valle-Inclán, para que a parella Toledano-Valle Inclán decidisen vir celebrar o seu casamento a Darbo, aló polo mes de outubro do ano 1929.
Lois Guimeráns & Antonio Graña |